Escoita a Barriografía da taberna A Grade

ACTIVIDADES | BARRIOGRAFÍAS  “Si canta mal, no cante. Si canta bien, cante fuera”. Así foi como a “hostalaría de formica” dos anos setenta expulsou a canción dos bares e así foi como comezou Xurxo Souto a súa cuarta Barriografía para Música en Branco o pasado venres 31 de maio, contra as oito da tarde, alí onde “o talento popular insiste e resiste”. Na taberna A Grade, na rúa Andrés Gaos, no corazón da Agra do Orzán, co local ateigado e as gorxas dispostas para unha maratón vocal de hora e media.

Á beira de Xurxo, un dos protagonistas do serán: Ricardo Seixo, voz abenzoada, veciño do barrio, aínda que nado en Curtis, e porfiado animador do grupo de canto popular da Asociación de Veciños Agra do Orzán. A parroquia coñéceo precisamente por iso, pero esta Barriografía tamén serviu para rescatar grazas ao tocadiscos a súa traxectoria musical. Comezando por Regueifa (1979), un dos temas aos que lle poñía voz en Verbas Xeitosas –un grupo que nacera na Escola de Maxisterio da Coruña na primeira Transición e que chegaría a gravar dous LP–, e seguindo con Romance de cego: in memoriam de Federico García Lorca, colaboración con Suso Vaamonde para ¡Abolición!, disco colectivo contra a pena de morte.

As voces de Parabéns, en acción

As voces de Parabéns, en acción

Seguir lendo

Xa podes escoitar a Barriografía da Silva

ACTIVIDADES | BARRIOGRAFÍAS   Estreamos as Barriografías a bordo dun autobús, na liña 7, no traxecto de Monte Alto a Rolda de Outeiro, entre a pasaxe habitual e os medios de comunicación que viñeron descubrir con nós esta viaxe comandada por Xurxo Souto polos sons, as músicas e as memorias da xente da Agra do Orzán. Desprazámonos logo ao colexio de San Pedro de Visma para recoller, non había nada que inventar, todo o talento que cada mañá no tempo do recreo enche a grella de Radio SPV, a radio libre das alumnas e os alumnos, que eles chaman tamén Radio Patio e Radio Tuku-Taka.

Para a terceira etapa, o equipo da radio itinerante subiu barrio arriba até o antigo couto da Coruña, A Silva, onde se daban, dicía Xurxo Souto con fachenda, coma se fose mesmo da zona, os mellores repolos, o mellor trigo e o mellor millo da volta, o cereal que logo ía dereito aos antigos muíños da Agra do Orzán. Máis de medio cento de persoas responderon a chamada das Barriografías nos exteriores do Centro Cívico da Silva. Ambientazo.

Últimas instrucións antes de empezar: aínda habería que engadir cadeiras até tres veces

Últimas instrucións antes de empezar: aínda habería que engadir cadeiras até tres veces

Seguir lendo

Escoita a Barriografía do CEIP San Pedro de Visma

ACTIVIDADES | BARRIOGRAFÍAS   A segunda parada da caravana das Barriografías era obrigada. No CEIP San Pedro de Visma, á beira da Rolda de Outeiro, non había moito que inventar: as alumnas e os alumnos xa fan radio todos os días, durante o recreo. “Radio libre”, insiste Rocío, a profesora responsábel de manter o fío na pequena emisora, cada vez que lle preguntan. Tan libre que ten polo menos tres nomes, segundo lle cadre a quen fala dela: Radio SPV, Radio Patio ou Radio Tuku Taka, en honor á canción favorita do equipo de locutoras e locutores e seica tamén da audiencia: o Tuku Taka de Centollito.

Xurxo Souto desprazouse co equipo das Barriografías o mércores 22 de maio ao centro para recoller toda esa música e todo ese talento miúdo nunha hora de radio ao vivo, coas rapazas e os rapaces arrodeando o estudio improvisado nun recanto do patio e participando de todas as maneiras posíbeis na confección do programa.

Bárbara encargouse das cancións dedicadas, fose o popularísimo Tuku Taka do Centollito, fose El bombero con la manguera, outro hit das mañás de Radio SPV. Ao seu carón, Aitor falou das bondades do deporte e aproveitou a hora do recreo para retransmitir, en exclusiva, o partido entre 6º A e 6º B que se disputaba na cancha descuberta do centro.

A música en directo puxérona os Rumberos do Portiño: Donovan (guitarra), Melody (percusión), Abigail e Jennifer (voces) e Samuel e Álex (palmas). Entrevistados por Xurxo Souto, interpretaron tamén o Ali Ali Ooo e mais Kimbala, de Canelita, a primeira con algún arranxo orixinal dos rapaces, e unha de Niña Pastori, Y para qué. Ao baile sumáronse espontaneamente Naima e Juncal e ás opinións, Mauricio e Abel, do club de fans dos Rumberos.

Xurxo Souto entrevista os Rumberos do Portiño

Xurxo Souto entrevista os Rumberos do Portiño

Seguir lendo

Xa podes escoitar a primeira Barriografía ao completo

ACTIVIDADES | BARRIOGRAFÍAS   Este vídeo só é un aperitivo do que aconteceu o luns 20 de maio a bordo dun dos autobuses urbanos que percorren en círculo a liña 7 e conectan cada día Monte Alto coa Agra do Orzán. Alí gravamos a primeira Barriografía, un programa itinerante de Xurxo Souto que parará, como os buses, noutros oito recantos do barrio nos meses vindeiros.

Aquí podes escoitar o programa completo, gravado ao vivo e sobre rodas:

http://www.ivoox.com/barriografia-1-lina-7-do-bus_md_2062086_1.mp3″ Ir a descargar

Xa estamos en marcha!

Barriografía na liña 7 do autobús urbano

ACTIVIDADES | BARRIOGRAFÍAS | NÓS  Os barrios, as cidades, os autobuses arrecenden, case todas as semanas, a rutina. As mesmas caras, os mesmos traxectos, os mesmos horarios. Todo tende a seguir unha cadencia monótona neses días tinxidos de luns. Todos os días adoitan, na voráxine dunha cidade rutineira, a se parecer demasiado. Non obstante, de cando en vez ábrese camiño unha raiola de cambio, de ruptura no medio de tanta semellanza. E este 20 de maio, o barrio coruñés da Agra do Orzán respirou un aire diferente coa meta de se preparar para o lote de actividades que se desenvolverán no barrio nos próximos meses da man de Música en Branco: memoria da Agra do Orzán, un proxecto de investigación ao redor da memoria sonora e musical do barrio.

A música e o son coáronse nun autobús da liña 7 grazas ao músico e comunicador Xurxo Souto. O eterno Diplomático, acompañado do intérprete Manuel Martín Mangüi e Ángel Campos, memoria viva do barrio, improvisaron un estudio radiofónico sobre rodas. Os usuarios do transporte público atopáronse, sen agardalo, cunha singular mudanza no medio da repetición cotiá. A breve viaxe no bus, entre o Campo da Leña e a Rolda de Outeiro, transformouse nun programa de radio cuns trazos particulares baixo o nome de Barriografías.

Seguir lendo

Sabes o que son as Barriografías?

ACTIVIDADES | BARRIOGRAFÍAS   Nove programas de radio itinerantes gravados ao vivo noutros tantos espazos singulares da Agra do Orzán. Nove escusas para reunirse, cantar, tocar e ortigar a memoria. A primeira radiografía sonora dun barrio. Explícacho moito mellor Xurxo Souto neste pequeno vídeo que gravamos estes días na rúa Barcelona, outro dos escenarios do programa.

Comezan as Barriografías e comeza a segunda fase deste proxecto, Música en Branco: memoria da Agra do Orzán. Hai outras sete liñas de actividades para nos vindeiros meses. Bótalle un ollo.