Compartindo o camiño (2): rolda de opinións
ACTIVIDADES | PASEOS POLO BARRIO O domingo 9 de xuño comezamos a segunda fase dos Paseos polo Barrio, ou o que é o mesmo, os percorridos a pé das catro rutas previamente trazadas no obradoiro colaborativo do pasado 25 de maio. Unhas quince persoas –ademais da coordinadora da actividade, Cristina Anllo, xunto co biólogo César López e parte do equipo de Música en Branco: memoria da Agra do Orzán– camiñaron durante catro horas dende O Ventorrillo até a praia de Riazor.
Na metade da ruta, ao chegar ao centro Ágora polo verde –pisando pouco asfalto nos 3,3 km do itinerario, por fortuna–, fixemos unha parada para descansar e poñer en común impresións.
Compartindo o camiño (1): Ricardo Seixo
ACTIVIDADES | PASEOS POLO BARRIO O domingo 9 de xuño comezamos a segunda fase dos Paseos polo Barrio, ou o que é o mesmo, os percorridos a pé das catro rutas previamente trazadas no obradoiro colaborativo do pasado 25 de maio. Unhas quince persoas –ademais da coordinadora da actividade, Cristina Anllo, xunto co biólogo César López e parte do equipo de Música en Branco: memoria da Agra do Orzán– camiñaron durante catro horas dende O Ventorrillo até a praia de Riazor.
Como aos demais participantes, propuxémoslle a Ricardo Seixo, veciño do barrio que xa foi protagonista nunha das Barriografías de Xurxo Souto para este proxecto, que compartise con nós as súas impresións sobre a xornada. Como fixera xa noutra oportunidade, escribiu unha particular crónica sobre o percorrido e a constancia dos asistentes:
BARRIO DA AGRA: PERCORRIDO I
Dez e cuarto da mañá,
diante do Centro de Saúde,
poida que hoxe nos mollemos,
non sendo que o día mude.
Imos camiñar o barrio,
non iremos entre o millo,
desde o Centro de Saúde
do barrio do Ventorrillo.
E, por dar información
cómpre, por certo, dicir,
que atención xinecolóxica
rematan de a suprimir.
Cristina, César, Norberto,
Marlén, Cecilia, Dolores,
Jorge, Barca e Expósito,
algúns dos camiñadores.
Pilar, Lorena, Iago e Mónica
tamén do routeiro son,
eu ando tomando notas,
Fernando a gravar o son.
Barriografía de “cidadáns escarranchados” cos Papaqueixos e Galu Teranga
O domingo botamos a andar do Ventorrillo á praia de Riazor
ACTIVIDADES | PASEOS POLO BARRIO Os Paseos polo Barrio comezan, literalmente, este domingo 9 de xuño. Aínda que o pasado 25 de maio xa nos vimos nunha das aulas do centro Ágora para confeccionar, de modo colaborativo, as catro rutas propostas pola coordinadora desta actividade, Cristina Anllo, agora é cando toca facer os camiño a pé, acabalos e fialos coa memoria. E como por algún sitio hai que empezar, farémolo cun itinerario entre O Ventorrillo e a praia de Riazor.
Este primeiro paseo ten en total 3,35 quilómetros, así que non botaremos máis de 4 horas a camiñar. Participar é moi sinxelo. Abonda con inscribirse enviando un correo a musicaenbranco@gmail.com e presentarse puntualmente o domingo ás 10 da mañá na entrada principal do Centro de Saúde do Ventorrillo, até onde podes desprazarte coas liñas 6, 6A e 7 do autobús urbano. Non esquezas de que vai isto e trae un calzado axeitado –pisaremos máis dun charco, con certeza–, protección contra o sol para a pel e a cabeza e algunha bebida para hidratarse.
Escoita a Barriografía da taberna A Grade
ACTIVIDADES | BARRIOGRAFÍAS “Si canta mal, no cante. Si canta bien, cante fuera”. Así foi como a “hostalaría de formica” dos anos setenta expulsou a canción dos bares e así foi como comezou Xurxo Souto a súa cuarta Barriografía para Música en Branco o pasado venres 31 de maio, contra as oito da tarde, alí onde “o talento popular insiste e resiste”. Na taberna A Grade, na rúa Andrés Gaos, no corazón da Agra do Orzán, co local ateigado e as gorxas dispostas para unha maratón vocal de hora e media.
Á beira de Xurxo, un dos protagonistas do serán: Ricardo Seixo, voz abenzoada, veciño do barrio, aínda que nado en Curtis, e porfiado animador do grupo de canto popular da Asociación de Veciños Agra do Orzán. A parroquia coñéceo precisamente por iso, pero esta Barriografía tamén serviu para rescatar grazas ao tocadiscos a súa traxectoria musical. Comezando por Regueifa (1979), un dos temas aos que lle poñía voz en Verbas Xeitosas –un grupo que nacera na Escola de Maxisterio da Coruña na primeira Transición e que chegaría a gravar dous LP–, e seguindo con Romance de cego: in memoriam de Federico García Lorca, colaboración con Suso Vaamonde para ¡Abolición!, disco colectivo contra a pena de morte.
Coñezamos un pouco máis Radio SPV
MICROHISTORIAS Se as Barriografías de Xurxo Souto para Música en Branco pasaron polo CEIP San Pedro de Visma foi, entre outras moitas razóns de peso, porque existe Radio SPV. É a radio libre das alumnas e os alumnos deste colexio situado á beira da Rolda de Outeiro, que eles chaman tamén Radio Patio ou Radio Tuku-Taka, en homenaxe a un dos artistas máis populares entre a súa audiencia, Centollito. Cancións dedicadas, entrevistas, parabéns de aniversario ao máis puro estilo Xabarín Club, retransmisións deportivas ao vivo ou mesmo reflexións en voz alta das cativas. Un mundo.
Rocío Cuñarro é a profesora que se encarga de coordinar e animar Radio SPV todas as mañás á hora do recreo. Nunca colle o micro. O seu é o traballo na sombra. Neste pequeno vídeo que gravamos aproveitando o furacán radiofónico do pasado 22 de maio explícanos algo máis desta experiencia e outras anteriores, tamén no campo da radio escolar.
Aquí podes escoitar completa a Barriografía protagonizada polo alumnado do CEIP San Pedro de Visma:
http://www.ivoox.com/barriografia-2-ceip-san-pedro-visma_md_2070561_1.mp3″ Ir a descargar
Súmate a Música en Branco co teu microproxecto
Música en Branco en ‘Tod@s somos a Agra!’
NÓS O proxecto Música en Branco participará este venres en Tod@s somos a Agra! Apúntaste a construír o teu barrio?, un encontro organizado pola Asociación Sociocultural Abraio e cuxo propóstito pasa por crear vencellos de comunidade entre os diversos colectivos da zona. Con ese obxectivo, T@dos somos Agra tomará a rúa Barcelona dende primeira hora da mañá. Ás 10 abriran todos os postos informativos de cada unha das asociacións participantes e o muro das suxestións, no que se recollerán propostas e observacións de toda a veciñanza que se achegue ao encontro.
Ás 11.30 horas comezarán as actividades coa presentación ao público, precisamente, de Música en Branco. Este proxecto, desenvolvido por Sinsalaudio para o Concello da Coruña, será o o primeiro en pasar á palestra para se dar a coñecer. Unha hora máis tarde, será a quenda dos organizadores, que a partir das 12.30 explicarán en que consiste Tod@os somos Agra! e, acto seguido, lanzarán a súa iniciativa de Banco de Tempo Comunitario.
Xa pola tarde, a partir das 16.30, desenvolverase unha xuntanza cos veciños e veciñas do barrio. Será unha sesión aberta na que se falará do presente e o futuro do barrio, mais tamén do pasado a través da memoria e as lembranzas. Xa ás 18.00 horas, o protagonismo recaerá en Cuac FM, a radio comunitaria que explicará na Agra o seu funcionamento e obxectivos. Unha hora despois, o colectivo Ecos do Sur presentará Agra Activa como peche das palestras. Finalmente, terán lugar unha serie de cantares polo barrio para poñerlle o colofón a un día no que, ademais, haberá un feixe de actividades paralelas destinadas ao público infantil.
Vémonos o venres, vémonos na Agra.
Xa podes escoitar a Barriografía da Silva
ACTIVIDADES | BARRIOGRAFÍAS Estreamos as Barriografías a bordo dun autobús, na liña 7, no traxecto de Monte Alto a Rolda de Outeiro, entre a pasaxe habitual e os medios de comunicación que viñeron descubrir con nós esta viaxe comandada por Xurxo Souto polos sons, as músicas e as memorias da xente da Agra do Orzán. Desprazámonos logo ao colexio de San Pedro de Visma para recoller, non había nada que inventar, todo o talento que cada mañá no tempo do recreo enche a grella de Radio SPV, a radio libre das alumnas e os alumnos, que eles chaman tamén Radio Patio e Radio Tuku-Taka.
Para a terceira etapa, o equipo da radio itinerante subiu barrio arriba até o antigo couto da Coruña, A Silva, onde se daban, dicía Xurxo Souto con fachenda, coma se fose mesmo da zona, os mellores repolos, o mellor trigo e o mellor millo da volta, o cereal que logo ía dereito aos antigos muíños da Agra do Orzán. Máis de medio cento de persoas responderon a chamada das Barriografías nos exteriores do Centro Cívico da Silva. Ambientazo.