Coñezamos un pouco máis Radio SPV

MICROHISTORIAS   Se as Barriografías de Xurxo Souto para Música en Branco pasaron polo CEIP San Pedro de Visma foi, entre outras moitas razóns de peso, porque existe Radio SPV. É a radio libre das alumnas e os alumnos deste colexio situado á beira da Rolda de Outeiro, que eles chaman tamén Radio Patio ou Radio Tuku-Taka, en homenaxe a un dos artistas máis populares entre a súa audiencia, Centollito. Cancións dedicadas, entrevistas, parabéns de aniversario ao máis puro estilo Xabarín Club, retransmisións deportivas ao vivo ou mesmo reflexións en voz alta das cativas. Un mundo.

Rocío Cuñarro é a profesora que se encarga de coordinar e animar Radio SPV todas as mañás á hora do recreo. Nunca colle o micro. O seu é o traballo na sombra. Neste pequeno vídeo que gravamos aproveitando o furacán radiofónico do pasado 22 de maio explícanos algo máis desta experiencia e outras anteriores, tamén no campo da radio escolar.

Aquí podes escoitar completa a Barriografía protagonizada polo alumnado do CEIP San Pedro de Visma:

http://www.ivoox.com/barriografia-2-ceip-san-pedro-visma_md_2070561_1.mp3″ Ir a descargar

Escoita a Barriografía do CEIP San Pedro de Visma

ACTIVIDADES | BARRIOGRAFÍAS   A segunda parada da caravana das Barriografías era obrigada. No CEIP San Pedro de Visma, á beira da Rolda de Outeiro, non había moito que inventar: as alumnas e os alumnos xa fan radio todos os días, durante o recreo. “Radio libre”, insiste Rocío, a profesora responsábel de manter o fío na pequena emisora, cada vez que lle preguntan. Tan libre que ten polo menos tres nomes, segundo lle cadre a quen fala dela: Radio SPV, Radio Patio ou Radio Tuku Taka, en honor á canción favorita do equipo de locutoras e locutores e seica tamén da audiencia: o Tuku Taka de Centollito.

Xurxo Souto desprazouse co equipo das Barriografías o mércores 22 de maio ao centro para recoller toda esa música e todo ese talento miúdo nunha hora de radio ao vivo, coas rapazas e os rapaces arrodeando o estudio improvisado nun recanto do patio e participando de todas as maneiras posíbeis na confección do programa.

Bárbara encargouse das cancións dedicadas, fose o popularísimo Tuku Taka do Centollito, fose El bombero con la manguera, outro hit das mañás de Radio SPV. Ao seu carón, Aitor falou das bondades do deporte e aproveitou a hora do recreo para retransmitir, en exclusiva, o partido entre 6º A e 6º B que se disputaba na cancha descuberta do centro.

A música en directo puxérona os Rumberos do Portiño: Donovan (guitarra), Melody (percusión), Abigail e Jennifer (voces) e Samuel e Álex (palmas). Entrevistados por Xurxo Souto, interpretaron tamén o Ali Ali Ooo e mais Kimbala, de Canelita, a primeira con algún arranxo orixinal dos rapaces, e unha de Niña Pastori, Y para qué. Ao baile sumáronse espontaneamente Naima e Juncal e ás opinións, Mauricio e Abel, do club de fans dos Rumberos.

Xurxo Souto entrevista os Rumberos do Portiño

Xurxo Souto entrevista os Rumberos do Portiño

Seguir lendo