Xa estamos en marcha!

Barriografía na liña 7 do autobús urbano

ACTIVIDADES | BARRIOGRAFÍAS | NÓS  Os barrios, as cidades, os autobuses arrecenden, case todas as semanas, a rutina. As mesmas caras, os mesmos traxectos, os mesmos horarios. Todo tende a seguir unha cadencia monótona neses días tinxidos de luns. Todos os días adoitan, na voráxine dunha cidade rutineira, a se parecer demasiado. Non obstante, de cando en vez ábrese camiño unha raiola de cambio, de ruptura no medio de tanta semellanza. E este 20 de maio, o barrio coruñés da Agra do Orzán respirou un aire diferente coa meta de se preparar para o lote de actividades que se desenvolverán no barrio nos próximos meses da man de Música en Branco: memoria da Agra do Orzán, un proxecto de investigación ao redor da memoria sonora e musical do barrio.

A música e o son coáronse nun autobús da liña 7 grazas ao músico e comunicador Xurxo Souto. O eterno Diplomático, acompañado do intérprete Manuel Martín Mangüi e Ángel Campos, memoria viva do barrio, improvisaron un estudio radiofónico sobre rodas. Os usuarios do transporte público atopáronse, sen agardalo, cunha singular mudanza no medio da repetición cotiá. A breve viaxe no bus, entre o Campo da Leña e a Rolda de Outeiro, transformouse nun programa de radio cuns trazos particulares baixo o nome de Barriografías.

Seguir lendo

Hoxe presentamos Música en Branco

ImagenTipo_Cabecera

NÓS   Xa toca. Hoxe facemos público un proxecto no que levamos a traballar case medio ano. Chámase Música en Branco: memoria da Agra do Orzán e agora, só agora, logo dun proceso de documentación, investigación e análise, está a piques de converterse nunha programación con oito liñas de actividades. Ímolo presentar en movemento.

A liña 7 do autobús urbano da Coruña comunica o barrio de Monte Alto co da Agra do Orzán. Precisamente por iso é aí onde se estrea hoxe mesmo, ás 11.15 horas, un programa de radio itinerante conducido e dirixido por Xurxo Souto. Barriografías, así se chama o artefacto, percorrerá nos vindeiros meses nove espazos da Agra con entrevistas, música ao vivo e un cento de historias arredor da música, a memoria e as xentes do distrito máis densamente habitado da cidade.

A radio faise para os pasaxeiros e as pasaxeiras do autobús e para quen a queira escoitar logo no podcast das Barriografías, pero os medios de comunicación están convidados tamén a facer con nós este primeiro traxecto. É abondo con que estean ás 11.10, puntuais, na parada do 7 no Campo da Leña (Praza de España, 24) e suban ao autobús en dirección Panaderas. Sendo así, mesmo chegarán a tempo para escoitar a sintonía do programa interpretada ao vivo.

Ao remate do programa, xa no centro Ágora, ás 12.00 horas, contaremos o resto nunha rolda de prensa na que intervirán, ademais do propio Xurxo Souto, a concelleira de Cultura da Coruña, Ana Fernández, e Julio Gómez, un dos coordinadores deste proxecto de Sinsalaudio para o Concello herculino. Comezamos!